- Este evento ha pasado.
EXPOSICIÓN FERNANDO TOMÉ
11 mayo, 2016 - 31 mayo, 2016
Fernando Tomé
Artista plástico e ilustrador nado en Lugo no ano 1989.
Inicia os seus estudos relacionados coa arte a través do bacharelato artístico en Lugo. Ao finalizar esta etapa trasládase a Salamanca para ingresar na Facultade de Belas Artes pola especialidade de pintura. Actualmente amplía os seus estudos cursando un Grao Superior de Gravado na Escola de Arte Ramón Falcón en Lugo. Ao mesmo tempo traballa como artista “freelance” ampliando simultaneamente o seu percorrido como artista plástico, participando en variedade de exposicións, tanto colectivas como individuais, en diferentes institucións, museos e eventos.
A mostra, que dá inicio o día 11 de Maio ata o 31 do propio mes na galería «La Ferretería´´, pódese definir como un compendio sobre o traballo e traxectoria que o artista levou a cabo nestes dous últimos anos. Dous anos nos que o seu interese primordial foi mergullarse de cheo no mundo da obra gráfica, ampliando os seus coñecementos sobre as diversas técnicas. Isto axudoulle a abrir miras dentro doutros campos ou técnicas coas que estaba máis familiarizado, como a pintura.
Xa que esta mostra é un extracto da produción artística dos últimos anos non poderiamos afirmar que haxa unha temática en común nas obras a exhibir, pero si podemos dicir que existe en toda a mostra o mesmo sentir, no que achamos unha intención de transmitir e crear un diálogo co espectador.
Nas obras pertencentes á exposición podemos apreciar a utilización de diferentes técnicas e por tanto de diferentes linguaxes, pero en todas elas permanece latente ese interese ou intención tanto de expresión persoal, como de forma paralela o interese pola análise e alusión a temas propios da sociedade actual.
A metodoloxía de traballo é, sobre todo, intuitiva e impulsiva, de aí o estilo e xogo de utilización das técnicas, entendendo e asimilando este proceso ou modo de traballo, como método para «expectorar´´ as propias pantasmas e incomodidades internas, tentando simultaneamente atopar as formas de expresión máis primitivas e orixinarias dentro da súas creacións.
O emprego da mancha, cor ou liña, de forma dinámica, intuitiva e mesmo moitas veces primixenia, chéganos a evocar en ocasións á estética de certos artistas primitivistas como aos relacionados co expresionismo de vangarda ou neovangarda.
Máis aló da técnica cada obra posúe un tema particular, na súa maioría reflexiones propias ou alusións a certos autores, pero sobre todo en relación a temas moi latentes na nosa contorna contemporánea, tanto rural como urbana.
Actualmente as súas reflexións e por tanto temáticas, viran cada vez máis ao redor das novas tecnoloxías, en concreto ao relacionado cos chamados «social media´´ ou «mass media´´.