- Este evento ha pasado.
EXPO: PUNTO E SEGUIDO
4 septiembre, 2019 - 1 octubre, 2019
A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’, coa que FEGADACE e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, unha aproximación ao día a día desta discapacidade, chega o mércores 4 de setembro a Lugo.
A mostra poderá visitarse ata o 1 de outubro na céntrica sala La Ferretería, situada na rúa San Froilán, 11. Está aberta de luns a venres pola tarde, en horario de 17:00 a 20:00, e os sábados pola mañá, de 10:00 a 14:00.
O acto de inauguración vai ter lugar o mesmo día 4 de setembro; en breve ADACE Lugo farán públicos todos os detalles.
Proxecto ‘Punto e seguido’
A colección de imaxes, do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizouse nas cinco asociacións membro da Federación Galega de Dano Cerebral. Están protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, que amosan a súa vida cotiá, as actividades que desenvolven, os ratos de descanso, a convivencia… en definitiva, a vida despois do «punto e seguido» que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
Acompañando á exposición, FEGADACE elaborou unha serie de curtametraxes -a principal, e unha serie de vídeos de cada asociación-. Contan con diferentes testemuños de persoas con DCA, familiares e profesionais das asociacións. Xuntos constrúen un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral adquirido: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas…
Ambos os dous materiais foron elaborados co apoio da Deputación da Coruña. Para a organización da exposición contouse, ademais, coa colaboración da Fundación La Caixa.
Percorrido da exposición
‘Punto e seguido’ puido verse con anterioridade en Santiago -entre marzo e abril de 2018 e tamén en outubro do mesmo ano- e na Coruña -entre maio e xuño- e en Ourense -durante o mes de setembro-. En 2019 estivo en Vigo (no mes de xuño), para agora chegar a Lugo. En outubro a mostra retornará a Santiago, e están previstas outras novas paradas que se irán anunciando proximamente.